A Fundación Jorge Jove

A Fundación Jorge Jove

Ángel Jove Capellán, patrón e fundador da Fundación Jorge Jove, comezou a súa vinculación co mundo do motor desde a súa época de adolescente a través das motos, tanto no mundo da competición como no de piloto de probas.

Ao longo da súa vida, a súa afección polo mundo do automóbil foi en aumento, materializándose en dúas etapas diferenciadas. A primeira, gozando da condución de todo tipo de novos automóbiles que saían ao mercado, aínda que xa desde moi pronto se decanta especialmente pola insignia Mercedes e a segunda, cando comeza a introducirse no mundo do coche clásico, coa adquisición circunstancial dun Seat 1500. Este feito, hai máis de catro décadas, significou o inicio da colección de vehículos históricos. Tras esta primeira adquisición, fóronse incorporando novas pezas e iniciouse o proceso de rehabilitación de diferentes coches que van chegando ás súas mans. Decídese entón dotar o taller cos medios humanos e técnicos que lle poidan dar soporte ao seu proxecto.

Desde o principio os seus fillos, o meu irmán Jorge e eu, centrámonos na restauración de automóbiles que ía adquirindo. Jorge converteuse nun apaixonado deste proceso de restauración de todo tipo de dispositivos relacionados coa historia e a súa evolución. Por outra banda eu, sentinme atraído polo apaixonante patrimonio que supón a automoción en xeral, e o automobilístico clásico en particular, coas súas connotacións históricas, culturais, sociais, tecnolóxicas e económicas. Desta maneira o que comezou como unha idea persoal do meu pai, contou rapidamente, e con grande entusiasmo, co apoio dos seus fillos. Desgraciadamente o meu irmán falecería en agosto de 1998, cando a colección empezaba a definir as súas liñas de crecemento e criterios museísticos.

Aproximadamente un ano despois da repentina morte de Jorge, o 17 de Agosto de 1999, na revista Círculo de Dirigentes, por primeira vez o meu pai declaraba publicamente a intención de crear unha fundación ou museo e que este levase o nome de Jorge. Desde ese mesmo momento, a Fundación Jorge Jove comezou a funcionar fiel aos seus obxectivos, aínda que legalmente se constituíse anos despois.

Desde este momento, a miña vinculación foi total, en primeiro lugar pola tremenda satisfacción e orgullo que me causou coñecer a vontade do meu pai por crear unha fundación co nome do meu irmán, e en segundo lugar, por axudar o meu pai noutro dos seus obxectivos: a creación de o Museo de Automoción e Historia.

Ángel Jove González
Presidente
Fundación Jorge Jove